A volta dun guerreiro

A volta dun guerreiro

 

Bastante despois da medianoite, soou o teléfono na casa da zona vella compostelá de Fernando Vázquez. Non era unha chamada agardada, senón máis ben inesperada. Vestiuse de rúa, colleu o coche e, tras percorrer 70 quilómetros pola AP-9, plantouse no Playa Club. Agardaba Augusto César Lendoiro, abrumado polas circunstancias: o club en proceso concursal e o equipo a deambular polo campionato, último na táboa, con tres vitorias en 23 xornadas. E sen adestrador, fuxido Domingos Paciência. Non fixo falla moita negociación entre os dous: o ‘profesor’ de Castrofeito, despois de seis anos en paro, chegaba a onde sempre quixera estar.

 

 

 

Moi lonxe quedaba aquela outra chamada que recibiu na tempada 2003-2004 procedente de Manchester, cando adestraba ao Valladolid. Foi Carlos Suárez, presidente dos pucelanos e, algo que poucos lembran, ex-xogador do Obradoiro e seareiro do Dépor nos 90, quen impediu que Fernando Vázquez se convertese no número dous de sir Álex Fergusson e, quen sabe se agora que se xubilou, no seu sucesor. Cando soou o teléfono, levaba desde abril de 2007 -cando o Celta o destituíu tras unha derrota que meteu aos vigueses en postos de descenso-  sen habitar un banco, agás os amigables da selección galega con Camerún (Balaídos, decembro 2007) e o último con Irán (Riazor, decembro 2008) na compaña de Arsenio Iglesias.

 

 

 

“Quero amosar que Fernando Vázquez segue vivo”, reivindicábase o profesor, que chegou a Riazor pletórico, como se levase seis anos xuntando folgos para a heroicidade de salvar ao Dépor. Pletórico de ánimo e de forzas: hai tempo que o coruñés se adestraba para disputar un tríatlon olímpico e o último verán tentara subir, aínda que sen éxito, o mítico Pan de Zarco, porto de montaña de 1.465 metros dos Ancares, no Desafío Ezequiel Mosquera. “Estar aquí emocióname”, recoñeceu.

 

 

 

Non houbo quen falase mal del na súa volta (no seu regreso) ao mundo do fútbol. De feito, algunhas das últimas destitucións (Betis, Raio Vallecano, Valladolid, Celta…) que motivaron, xunto coa falta de ofertas, o seu afastamento dos campos de xogo, foron soterradas polas moitas verbas de eloxio dos seus ex-xogadores. Estudoso do fútbol, capacidade, compromiso e ilusión, ousadía, xestión do grupo, boa relación cos futbolistas… incluso algún dixo que foi un pioneiro en España na estratexia ou que o mundo do fútbol o tratara mal e merecía unha derradeira oportunidade.

 

 

 

Foi Augusto César Lendoiro quen lla deu o 11 de febreiro, co Dépor afundido na última praza, a seis puntos da salvación, e o peor: afundido animicamente. Fernando Vázquez chegou a Riazor como se non tivese pasado o tempo, co mesmo discurso atrevido de sempre, optimista sobre dar a volta a unha situación imposible. E o técnico coruñés, a pesar de ter todo en contra, deu coa tecla axeitada, rachou coa dinámica catastrofista (aínda que tardou cinco xornadas en acadar a primeira vitoria) e os xogadores, antes derrotados, semellaban ser outros.

 

 

 

E o mellor de todo: foi quen de devolver a ilusión a todo o mundo: aos futbolistas, ao club, aos afeccionados, á cidade… O deportivismo renaceu. Os seareiros asumiron o discurso de Vázquez e fixeron seu o lema “pódese”. Claro que só faltaba o máis complicado: despois de tres vitorias en 23 partidos, había que gañar sete ou oito (eran as contas do míster) en quince. Todo un reto, que se volveu máis complicado aínda tras catro xornadas sen acadar o triunfo: sete/oito vitorias en once partidos.

Imagen